Albert-Llovera-coche

Xa está en marcha a segunda entrega do inFórum15. Será o 12 de marzo e contará coa participación do deportista andorrano Albert Llovera, todo un exemplo de superación que vén de converterse no heroe do Dakar 2015. Albert Llovera ofrecerá pola mañá unha charla dirixida a estudantes e pola tarde intervirá no Fórum Carballo para o público en xeral.

AlbertlloveraNacido en Andorra en 1966, Albert Llovera Massana é un amante do deporte dende moi pequeno. Con só 17 anos era toda unha promesa do esquí e mesmo competiu nos Xogos Olímpicos de Inverno. Un ano despois tocoulle vivir o golpe máis duro da súa vida. Durante a súa participación na Copa de Europa de Esquí sufriu un accidente que o deixou parapléxico. Pero lonxe de truncarse a súa traxectoria deportiva, e tras unha longa recuperación, Albert Llovera volveu á competición, primeiro no baloncesto e despois nos rallys, demostrando que con esforzo e superación non hai límites.

Algúns datos salientables da súa carreira son, por exemplo, que foi o primeiro piloto de rallys do mundo en competir cunha discapacidade. Comezou no automobilismo en 1987 subido nun quad para disputar o Campionato de Andorra. Logo pasouse aos coches e no 2001 deu o salto ós rallys, onde segue na actualidade competindo tanto en asfalto como en terra. No seu palmarés figuran sete campionatos do Mundo, oito campionatos de España en terra, e tres participacións no Dakar, a última este mesmo ano, no que acadou na 41º posición e foi 8º en buggys. Colaborou coa NASA no deseño de varios dispositivos de adaptación para a condución.