Dany Castro e Mario Ríos gañaron nas categorías de -1600 e + 1600, e Juan Vilariño foi terceiro en car cross

O V Autocross Carballo converteuse nunha loita contra os elementos. As chuvieiras intermitentes transformaron a pista nunha lameira que complicou a condución pero que tamén garantiu a emoción e o espectáculo. Nesa batalla de contra a auga e a lama, os pilotos da escudaría Máis Motor acadaron tres podios: Dani Castro foi o campión na categoría de -1600. Mario Ríos compensou o incendio do seu vehículo cun meritorio primeiro posto en +1600. E na categoría raíña, a de car cross, foi Juan Vilariño ao que subiu ao podio tras quedar de terceiro.

Precisamente foi na final de car cross na que máis influíron as inclemencias do tempo. De feito, durante a carreira houbo moito movemento de posicións e mesmo pilotos como Maikel Vilariño ou Marcos Muíño abandoaron por problemas coas gafas. Aínda así, non houbo grandes sorpresas. No seu retorno ao campeonato galego, Iván Ares non deu opción aos seus rivais e dominou de principio a fin. O de Cambre estivo acompañado no podio por Antón Muíños e Juan Vilariño.

O duelo particular que mantiveron Dany Castro e Tino Iglesias durante toda a xornada saldouse a favor do carballés na final de -1600. A terceira praza foi para Marcos Molinos.

Podium menos 1600 V Autocross Carballo

Accidentada final de +1600 tras un bonito duelo entre Mario Ríos e Tino Iglesias, que competiu por partida dobre. A falta dunha volta o coche de Mario Ríos incendiouse e sacouse a bandeira vermella. O piloto de Sigüeiro saíu ileso e o incidente non pasou a maiores. Marío Ríos, que ía en primeiro lugar na volta anterior, proclamouse campión e Tino Iglesias quedou segundo. O podio completouno Iván Posado.

Podium mas 1600 V Autocross Carballo

Perfecto Calviño non tivo rivais na última final da tarde, a de Supercrosscar. O de Cerceda volveu a subir ao máis alto do podio, no que estivo acompañado por Diego Mantiñán e Sandra García, a única participante feminina na carreira de Carballo.

Podium 4x4 V Autocross Carballo

Juan Puga, presidente da escudaría Máis Motor; Ernesto Rumbro, en representación da Escudería La Coruña, e os concelleiros Luis Lamas e Maika Ures entregaron os premios aos participantes, por certo, uns orixinais volantes de Olería de Buño.

trofeos V Autocross Carballo