Se Galicia é unha referencia no autocross español, Carballo é unha auténtica potencia. Non hai máis que botarlle unha ollada aos podios de calquera das nove carreiras disputadas este ano para atopar apelidos tan carballeses coma Cotelo, Mariño ou Vilariño. A federación fará pública nos vindeiros días a clasificación xeral do Campionato Galego do Autocross, e xa anticipamos que estará repleta de ADN carballés.

Xa na proba inaugural da temporada, a última fin de semana marzo en Santa Comba, os pilotos bergantiñáns non deixaron dúbidas de que ían a por todas. Sete meses despois, a carreira de Rianxo non fixo máis que confirmalo.

maikelvilarino-danimarino-en-ocastro

O malpicán Daniel Gorín, da Peña Autocross Arteixo, non tivo rivais no circuíto do Castro, onde acadou un primeiro posto que o converte en campión galego de -1.600. Dani Castro, de Máis Motor, soubo sacar a máxima rendibilidade aos puntos sumados dende que subiu ao máis alto do podio en Carballo, e aínda que rematou cuarto na carreira do sábado, o carballés proclamouse subcampión galego en Rianxo despois dunha primeira temporada espectacular da escudaría local.

Para outro carballés, Miguel Ángel Cotelo, de Cances, foi o primeiro posto en +1.600 na última carreira do ano. O piloto da Peña Autocross Arteixo colleu o toro polos cornos dende os adestramentos e capeouno a placer durante toda a xornada. Un trunfo merecido que o converte en subcampión galego.

A hexemonía carballesa foi total en Rianxo na categoría de carcross, na que Maikel e Juan Vilariño, fillo e pai, ocuparon o primeiro e o terceiro chanzos. Maikel Vilariño, de Yacar, estaba decidido a revalidar o título de campión galego, e a marea rosa volveu a serlle favorable. Pero Dani Mariño non llo puxo fácil. Malia que non tivo un bo día nos adestramentos e rematou cuarto nas semifinais, o piloto de Máis Motor deu a batalla e dominou na final ata que, a falta de dúas voltas, foi superado por Maikel Vilariño. O de Yacar acada o seu segundo título consecutivo e o de Máis Motor obtén un subcampionato especialmente meritorio.

O dito, o autocross carballés arrasa.