Os pilotos carballeses xogaban na casa e iso notouse na clasificación do 2º Autocross Carballo, no que Máis Motor acadou tres podios. Especialmente relevante é o primeiro posto de Daniel Castro en -1.600, xa que empata a puntos co líder da clasificación xeral, o malpicán Daniel Gorín, e aumentan as súas opcións de loitar polo campionato. Pero onde quedou máis clara a supremacía carballesa foi en carcross, coa indiscutible vitoria de Maikel Vilariño, cada vez máis preto do seu segundo título consecutivo, e un segundo e un terceiro postos para os representantes da escudaría organizadora Daniel Mariño e Joaquín Chamorro.
Aliáronse todos os factores para encher de emoción a antepenúltima proba da tempada: o bo tempo acompañou durante toda a xornada, a pista estivo en inmellorables condicións, o nivel dos pilotos foi altísimo e o público respondeu enchendo o Circuíto Municipal cunhas 1.400 persoas. A boa organización de Máis Motor recibiu os parabéns da Federación Galega de Automobilismo e do Concello de Carballo, representado polo alcalde, Evencio Ferrero, e os concelleiros Luis Lamas e Marcos Trigo. Este último, titular de Deportes, expresou o seu apoio á escudaría carballesa para seguir traballando na mesma liña de cara a converter a instalación municipal nun referente dos deportes do motor a nivel galego e mesmo estatal. O labor da escudaría viuse reforzado tamén coa participación do concelleiro de Turismo de Malpica, Alfredo Cañizo, e o presidente da Peña Autocross, Paco Fraga, na entrega de premios. Despois desta 2ª carreira puntuable para o Campionato Galego, a revitalización do Circuíto Municipal de Carballo é un feito, avalado ademais por ese bo papel dos pilotos locais.
A xornada de autocross, que foi apaixonante de principio a fin, estivo marcada, por unha banda, polo aparatoso accidente de Esteban Serrano na semifinal de -1.600, e, por outra, polas penalizacións a varios pilotos que fixeron variar dun xeito considerable os resultados definitivos. En -1.600, Manuel Osorio e Daniel Gorín, que acabaron a carreira primeiro e terceiro, respectivamente, quedaron relegados aos postos 12 e 13 por saída falsa. A decisión dos xuíces, que non sentou nada ben aos afectados, fai variar o rumbo do Campionato Galego, ao entrar Dany Castro no grupo de candidatos ao título. Tamén cambian as cousas na categoría de 4×4 a raíz da carreira de Carballo, xa que Perfecto Calviño rompeu na final e non pasou da liña de saída. A súa compañeira de escudaría Sandra García foi a mellor da rolda, pero a súa saída falsa impediulle subir ao máis alto do podio e tivo que conformarse cun cuarto posto.
Estes foron os podios do 2º Autocross Carballo:
– 1.600
1º Daniel Castro, de Máis Motor
2º Jaime Pérez, de Tino Racing
3º Alberto Varela, de Autocross Arteixo
+ 1.600
1º Celestino Iglesias, de Tino Racing
2º Miguel Cotelo, de Peña Autocross Arteixo
3º Jon López, de Peña Autocross Arteixo
Carcross
1º Maikel Vilariño, de Yacar Racing
2º Daniel Mariño, de Máis Motor
3º Joaquín Chamorro, de Máis Motor
4×4
1º Esteban Perez, de Desguaces Tino Racing
2º José Barbosa, de Peña Autocross Arteixo
3º Gelo Sánchez, de J. Lista Competición