A escudaría carballesa pechará mañá mércores o prazo de inscrición para a carreira do día 13

Máis Motor non podería facer mellor balance da tempada. No seu primeiro ano de vida, a escudaría carballesa está a cumprir plenamente os obxectivos da súa constitución: a promoción do deporte do motor entre todas as idades e a revitalización do Circuíto Municipal de Carballo con probas como a que se celebrará o vindeiro día 13. O 2º Autocross Carballo foi presentado hoxe nun acto no que participaron o alcalde, Evencio Ferreiro; o concelleiro de Deportes, Marcos Trigo; o presidente da escudaría, Juan Puga Facal, e varios membros da xunta directiva. A carreira do sábado, puntuable para o Campionato Galego, suporá a culminación dunha “excelente tempada”, como a definiu o concelleiro de Deportes.

SAMSUNG CAMERA PICTURES

Nese sentido, o presidente de Máis Motor subliñou a participación de pilotos de gran nivel, pois boa parte deles participan tamén no Campionato de España. Precisamente mañá pechará o prazo de inscrición, e na escudaría carballesa márcanse como obxectivo chegar aos 80 participantes. A de Carballo será a antepenúltima proba do calendario despois de dous meses sen actividade, polo que se agarda gran concorrencia tanto de pilotos coma de público. Juan Puga, que agradeceu a colaboración e o apoio do Concello de Carballo, destacou que o circuíto está “en perfectas condicións” e fixo cábalas sobre os nomes que loitarán por un posto no podio.

Despois de acadar o bronce no Campionato de España, o piloto carballés Maikel Vilariño é un dos favoritos en carcross, a categoría máis rifada, na que terá que medirse a rivais coma Juanjo Moll, Joaquín Chamorro, Iván Ares ou o tamén carballés Daniel Mariño. Perfecto Calviño ten todas as papeletas para situarse no máis alto do podio en 4×4, e tanto en -1.600 coma en +1.600 o abano é máis amplo, na segunda sobre todo tras o accidente que probablemente manterá apartado dos circuítos unha tempada ao larachés Gabriel Serrano.

Á marxe do aspecto deportivo, o alcalde de Carballo destacou que a actividade de Máis Motor está a contribuír dunha maneira decisiva a acadar “o obxectivo marcado cando se empezou a actuar no circuíto, e hoxe é unha satisfacción ver que se utiliza con regularidade”. Evencio Ferrero subliñou tamén o feito de que ese labor veña da man “dunha escudaría da casa”, e animou aos seus membros a “seguir actuando para que cada vez o circuíto teña máis atractivo”. A gran implantación que os deportes do motor teñen na zona, os investimentos realizados na instalación municipal e o traballo de Máis Motor conforman o escenario idóneo para, na opinión do rexedor carballés, facer de Carballo “unha gran escola”.