juan_puga_maismotorJuan José Puga Facal
Presidente da Escudaría Máis Motor

“Tendo unha proba en Carballo, e cun pilotaxe a nivel do Campionato de España, non podemos desaproveitar a oportunidade”

A piques de cumprirse un ano dende o nacemento de Máis Motor, a escudaría carballesa está inmersa na organización da súa segunda carreira puntuable para o Campionato Galego de Autocross. O vindeiro 13 de setembro, o Circuíto Municipal de Carballo volverá a converterse no centro das miradas de todos os afeccionados. Para eles traballa todo o equipo da Escudaría Máis Motor, co seu presidente, Juan José Puga Facal, á fronte.

¿Como empezou a aventura de Máis Motor?

Case todos os que estamos en Máis Motor estabamos, directa ou indirectamente, vinculados ao autocross. Empezamos con xente que viña facendo as probas dende sempre e que o deixara, e entón decidimos montar unha escudaría nova e empezar organizando probas. Máis ca nada, somos a xente que sempre estaba facendo cousas no circuíto.


En menos dun ano xa se nota a presenza de Máis Motor en diversas actividades, aínda que a máis vistosa, sen dúbida, foi a primeira carreira do Campionato Galego. ¿Que balance fai desa proba de maio?

O balance é positivo, porque hai que ter en conta que empezabamos case de cero, cunha organización nova. Ademais chovera pola mañá… Pero, malia todo iso, as críticas foron boas, e se a xente do mundillo che dá ánimos para que sigas para adiante sempre é de valorar.


Catro meses despois, ¿cal é o ambiente previo ao 2º Autocross Carballo?

Eu creo que hai un bo ambiente, porque como había calendada unha proba de autocross en Santa Comba para o 30 de agosto e cambiárona, estamos sen ningunha proba do galego dende xullo, e os afeccionados da zona xa teñen ganas. Dende o punto de vista da organización estamos metidos de cheo no proceso de admisión de participantes, porque o prazo de inscrición remata o día 10. Que podemos facelo sabémolo, porque xa o fixemos, e ademais non saíu mal.


A organización está preparada, os afeccionados tamén… ¿E o circuíto?

O circuíto xa está preparado, só faltan os detalles que soen deixarse para os últimos días, como colocar as vallas. Pero a pista, que é o máis importante, xa está preparada. Na anterior carreira si que houbo moito traballo, porque, ao levar case un ano parado, o circuíto estaba un pouco abandonado e tivemos que facer moitas cousas, pero agora xa están feitas. Nese sentido, agora estamos relaxados.


¿Que características ten o circuíto de Carballo que o distinguen dos demais?

Dende o meu punto de vista, unha das características máis importantes é que ten algunhas zonas dende as cales ves todo o circuíto. Iso só pasa no circuíto de Arteixo, pero coa diferenza de que alí só pasa na grada VIP, mentres que no de Carballo hai un par de zonas accesibles para todo o público dende as que se ve todo. Eu creo que, despois do de Arteixo, o de Carballo podería ser o segundo circuíto de Galicia.


¿Por que hai que vir a Carballo o día 13?

Eu sei que en Carballo hai moita afección e xente forofa do motor dende hai moitos anos, e tamén no resto de Galicia. Tendo unha proba aquí ao lado, e cun nivel de pilotaxe a nivel do Campionato de España, porque de feito moitos pilotos participan nel, non se pode desaproveitar a oportunidade. Ademais será a última carreira da que poidan gozar os afeccionados este ano.