O horario de funcionamento do circuíto, instalado no recinto de Berocasión, ampliouse á tarde para poder atender a gran demanda

berocasion-maismotor2Aínda que en principio estaba previsto que só funcionase pola mañá, o circuíto de karts a pedais instalado pola escudería Máis Motor para complementar a oferta de Berocasión estivo operativo tamén pola tarde para que ningún nen@ quedase sen probar un dos grandes atractivos da intensa xornada de feirón que viviu hoxe Carballo.

A demanda foi impresionante, pero grazas ao esforzo realizado pola xunta directiva da escudaría carballesa, que se volcou coa iniciativa, centos de nenos puideron emular aos seus ídolos do motor e iniciarse na práctica dun deporte que conta cun gran número de adeptos no municipio e no resto da comarca.

Aínda que os nenos foron os grandes protagonistas da xornada, a exposición de vehículos de competición organizada por Máis Motor espertou enorme interese entre os adultos, que tiveron a ocasión de ver de preto coches de carcross, karts de competición e vehículos tan singulares coma o Lancia 037 de Yacar ou o Peugeot 208 R2 de ARVidal, o único de rally que existe en España.

Máis Motor aposta firmemente pola promoción dos deportes de motor entre todas as idades e con iniciativas de todo tipo. Nesa filosofía enmárcanse a exposición de coches de competición e o circuíto de karts a pedais. Así mesmo, a escudería carballesa está a relanzar o Circuíto Municipal de Carballo con competicións como a proba puntuable para o Campionato Galego de Autocross que se celebrará o vindeiro 13 de setembro.

berocasion-maismotor