A Escudaría Máis Motor organiza a súa segunda carreira puntuable para o Campionato Galego de Autocross. A cita será o 13 de setembro no Circuito Municipal de Carballo, e a organización xa ten engraxada toda a maquinaria para intentar que se repita o éxito da proba celebrada en maio, que xuntou a 73 pilotos e máis de mil afeccionados.

Máis Motor abriu esta semana o prazo de inscrición para o 2º Autocross Carballo. A folla de participación pode descargarse na páxina web da escudaría carballesa, www.maismotor.es e, unha vez cumplimentada, debe remitirse vía fax (981 732 818) ou correo electrónico (info@maismotor.es). O prazo rematará ás 20 horas do día 10 de setembro. Os vehículos admitidos son todos os comprendidos nas categorías: menos de 1.600 cc, máis de 1.600 cc, kartcross, supercroscar 4×4. O regulamento completo está dispoñible tamén en www.maismotor.es.

A proba disputarase o día 13. Ás 10 realizaranse as verificacións, ás 12 comezarán os adestramentos, para as 15.30 están previstas as semifinais e ás 17.30 horas arrincará a carreira, que volve colocar o circuíto de Carballo no calendario do Campionato Galego.

 

Nota para a prensa:

Os medios que desexen acudir á carreira poden acreditarse cubrindo o formulario dispoñible na páxina web da Escudaría Máis Motor. O prazo rematará o 11 de setembro.