Ademais de iniciar aos máis pequenos na afección aos deportes de motor, a escudaría carballesa exporá coches de autocross e rally

A Escudaría Máis Motor estará presente este ano en Berocasión, a feira de vehículos de ocasión organizada polos empresarios do sector na capital de Bergantiños coincidindo co feirón de agosto.

berocasion 2A escudaría complementará a oferta da exposición cun circuíto de karts a pedais pensado para os máis pequenos, que poderán divertirse pedaleando en vehículos á súa medida que simulan auténticos fórmula 1. A iniciativa responde á filosofía de Máis Motor de promover os deportes do motor a todos os niveis e entre todos os sectores da poboación. Neste caso, dun xeito especial entre os rapaces para contribuír á súa educación viaria dende idades temperás.

O circuíto de karts estará aberto o domingo pola mañá, de 11.00 a 14.00 horas, no espazo do Rego da Balsa, onde se vai desenvolver esta nova edición de Berocasión. A xunta directiva de Máis Motor convida ás familias a achegarse ata o circuíto, onde os nenos terán á súa disposición os vehículos de forma gratuíta.

Mentres os máis pequenos se divirten pedaleando, os adultos poderán visitar a exposición de vehículos de competición organizada pola Escudaría Máis Motor para a fin de semana, e na que haberá coches de carcross, karts de competición e vehículos tan singulares coma o Lancia 037 de Yacar ou o Peugeot 208 R2 de ARVidal, o único 208 R2 de rally que hai en España.