A Escudaría Máis Motor recibiu o apoio do Concello de Carballo na súa presentación oficial, un acto no que participou a xunta directiva en pleno e no que se dou a coñecer tamén o cartel do autocross do día 24, a primeira proba que organizará a entidade no circuíto do motor de Bértoa.
O presidente de Máis Motor, Juan José Puga Facal, fixo toda unha declaración de intencións ao manifestar que a escudaría “nace co afán de que Carballo se convirta na capital galega do automobilismo”. Con ese obxectivo veñen de unirse un grupo de afeccionados, “que ao mellor vivimos os deportes do motor dun xeito diferente”, e que queren render unha homenaxe aos pioneiros dunha actividade con moitísimos seguidores en toda a comarca. Juan José Puga agradeceu a colaboración do Concello de Carballo e a súa boa disposición á hora de ceder as instalacións de Bértoa e de realizar as melloras precisas para o seu acondicionamento, lembrou tamén aos patrocinadores e aos compañeiros da Coruña e Arteixo, cos que xa están a colaborar. Pero sobre todo agradeceu a implicación dos compañeiros da directiva. Para rematar fixo entrega ao alcalde de Carballo do primeiro carné de socio de honra.
O coordinador de Deporte Carballo, Francisco García Bello, fixo explícito o apoio do seu departamento e amosou a súa esperanza de que a carreira do vindeiro día 24 sexa a primeira de moitas. Na mesma liña se manifestou o concelleiro de Deportes, Marcos Trigo, quen insistiu en que as instalacións do circuíto do motor están abertas “a todos” os deportistas da comarca, e que grazas a entidades como Máis Motor será posible recuperar a gran afección que tradicionalmente existiu na Costa da Morte.
O alcalde, Evencio Ferrero, pechou o acto expresando a súa alegría por este “nacemento” e desexando que a partir de agora se lle poida sacar “o máximo rendemento ao circuíto, que está para que se use, que se fagan probas e que a xente veña de goce”. O rexedor expresou o agradecemento do Concello aos membros da escudaría, “porque o mérito é voso”, e manifestou a súa “satisfacción por ver que o circuíto ten un bo uso”.