A carreira do 24 de maio reunirá no circuíto de Bértoa a figuras coma Juanjo Moll, Perfecto Calviño ou os locais Dany Castro e Daniel Mariño
Perfecto Calviño, Maikel Vilariño, Sergio Cancela, Daniel Gorín, Dany Castro, Daniel Mariño, Juanjo Moll son algúns dos 70 pilotos, todos eles de primeiro nivel, que teñen confirmada a súa participación no 1º Autocross organizado pola Escudaría Máis Motor. O presidente da entidade, Juan Puga, subliñou que «todos os pilotos punteiros van estar presentes».
A do sábado 24 será á cuarta proba puntuable para o Campionato Galego de Autocross, e nesta primeira carreira da tempada en Carballo os participantes terán a ocasión de comprobar a efectividade das actuacións realizadas no circuíto de Bértoa, dende a mellora dos espazos e a seguridade do público ata a creación do abastecemento de auga para os vestiarios ou a mellora dos valados e do podio. “É a primeira vez que o circuíto está tan perfecto”, manifestou o vicepresidente de Máis Motor, Iván René Barreiro, na presentación oficial da carreira, que tivo lugar hoxe pola mañá na Casa do Concello de Carballo.
A escudaría anfitriona ten postas grandes esperanzas nos seus pilotos. Así, Dany Castro loitará polas primeiras prazas na categoría de -1.600cc, e Daniel Mariño tamén pelexará por un posto no podio en kartcross. Os representantes de Máis Motor, entre os que tamén se atopaba Diego Iglesias, expresaron o seu agradecemento ao Concello de Carballo, aos colaboradores e aos patrocinadores, pero dun xeito especial destacaron o traballo dos máis de 70 voluntarios e voluntarias para que esta carreira inaugural da tempada no circuíto de Bértoa sexa todo un éxito.
Pola súa banda, o concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, quixo resaltar que, malia tratarse dunha escudaría de recente creación, Máis Motor «conta con xente de sobrada experiencia». De mesmo xeito, o alcalde, Evencio Ferrero, apuntou que na directiva hai persoas «que lle teñen dedicado moitas horas ao mundo do motor», polo que confía en que a carreira sexa un éxito, especialmente «porque é unha actividade deportiva que normalmente reúne a moitísima xente». Por último, desexou a vitoria para os pilotos locais para que poidan subir na clasificación do Campionato Galego.
No acto de hoxe, a Escudaría Máis Motor deu a coñecer os horarios da proba, que resumimos no seguinte cadro.
Data | Horario | Programa |
24/MAIO |
09:00 a 11:00 | Verific. Administrativas Clase I, II, III e IV |
09:15 a 11:15 | Verific. Tecnicas Clase I, II, III e IV | |
11:45 | Publicación lista de autorizados a toma-la saída Clase I, II, III, IV | |
12.00 | Saída adestramentos -1.600 c.c. | |
12.30 | Saída adestramentos +1.600 c.c. | |
13.00 | Saída adestramentos Kart-Cross | |
13.30 | Saída adestramentos 4×4 | |
15.30 | Semifinais -1.600 c.c. | |
16.00 | Semifinais +1.600 c.c. | |
16.30 | Semifinais Kart-Cross | |
17.00 | Semifinais 4×4 | |
17.15 | Final B -1.600 c.c. | |
17.35 | Final B +1600 c.c. | |
18.00 | Final B Kart-Cross | |
18.20 | Final -1.600 c.c. | |
18.40 | Final +1.600 c.c. | |
19.00 | Final Kart-Cross | |
19.20 | Final 4×4 | |
19:30 | Publicación de resultados según conclúan as finais | |
De seguido | Rolda de prensa dos vencedores das catro categorías | |
De seguido | Entrega de premios e trofeos |
A nova entidade pretende converter Carballo na capital galega do automobilismo, e con esa intención traballa xa na organización de carreiras, cursos, charlas e todo tipo de actividades que contribúan a espallar a afección polos deportes do motor.