Os pilotos da bisbarra de Bergantiños non teñen rivais no Campionato Galego de Autocrós. Na carreira de Carballo volveron arrasar, e non só porque xogasen na casa. De feito, aínda que os máis de 1.300 afeccionados que se deron cita no circuíto municipal axudaron, despois de cinco probas está claro que os carballeses ocupan as primeiras prazas da xeral por méritos propios.

maikel_vilariño_carballo

Maikel Vilariño dominou de principio a fin e subiu ao máis alto do podio, no que estivo acompañado polo tamén carballés e compañeiro de equipo Javier Ramilo “Kobas”, que está realizando unha tempada moi boa, e por Antón Muíños. Outros dous pilotos locais, Daniel Mariño e Óscar Añón, foron cuarto e quinto, respectivamente. Os carcross achegaron case a metade dos 74 vehículos que correron o sábado polo mellor circuíto galego.

Alberto Varela, líder da clasificación xeral de -1.600, luciuse na casa. O carballés tomou o mando dende a saída e impúxose a Celestino Iglesias e Esteban Serrano, segundo e terceiro, respectivamente. Dani Castro e Marcos Naya, representantes, do equipo local Máis Motor e moi ben situados na xeral, non tiveron o seu día.

serrano_carballo

O outro irmán Serrano, Gabriel, segue sumando puntos e mantén as súas aspiracións ao título en +1.600. O seu principal rival, o pontevedrés Celestino Iglesias, envorcou a dúas voltas do final e non puido rematar. Os outros dous chanzos do podio foron para Mariano Suárez e Adrián Tojeiro, e de novo dous carballeses:Rubén Bello foi cuarto e o campión da tempada pasada, Miguel Cotelo, quinto.

En 4 x 4, a espectacular saída de Perfecto Calviño non deixou lugar á emoción nin á incerteza. O piloto de Cerceda dobrou a todos os seus rivais antes de finalizar as oito voltas. Non houbo cor. O líder da categoría, Esteban Pérez, foi segundo, e a terceira posición foi para Francisco García Caridad.

A carreira de Carballo marcou o ecuador do Campionato Galego de Autocrós, que ten fixada a súa próxima cita para o 20 de xuño en Arteixo.