Presentacion_IV_AutocrossCarballo_1
Presentación do IV Autocross de Carballo na casa do Concello

A antepenúltima carreira do Campionato Galego de Autocross será a máis carballesa da temporada, e non só por disputarse no Circuíto Municipal de Carballo, senón tamén porque son varios os pilotos locais con opcións a acadar o título. Para Maikel Vilariño, que lidera a clasificación de carcross e ten un importante colchón de puntos, a proba do vindeiro sábado 19 podería ser decisiva de cara a alzarse co seu terceiro campionato consecutivo. Pola súa banda, para Alberto Varela, que ocupa a primeira praza en -1-600, o feito de correr na casa supón un estímulo extra do que tratará de sacar partido para conseguir o seu primeiro título a final da temporada. Algo máis difícil teno Gabriel Serrano, segundo en +1.600, pero como non hai nada imposible, o piloto larachés afincado en Carballo espera encadear as tres vitorias consecutivas que poderían convertelo tamén en campión.

Maikel Vilariño, en carcross, e Alberto Varela, en -1.600, son firmes candidatos ao título nas súas categorías

Os tres asistiron hoxe á presentación oficial do 4º Autocross Carballo, na que tamén participaron o concelleiro de Deportes, Marcos Trigo, e o presidente da escudaría Máis Motor, Juan Puga, organizadora da carreira. Organizadores e pilotos destacaron o bo estado do Circuíto Municipal e a súa capacidade de adaptación ás condicións meteorolóxicas, de xeito que aínda que persista a choiva o espectáculo estará garantido. “Nestas condicións de auga é o mellor circuíto de España”, asegura Maikel Vilariño, que vén de proclamarse subcampión de España de carcross por segunda temporada consecutiva.

O prazo de inscrición para a proba do sábado rematará mañá ás 20.00 horas. A escudaría Máis Motor, que organiza a carreira coa colaboración do Concello de Carballo e a Federación Galega de Automobilismo, agarda acadar os 80 participantes e seguir medrando tamén en público despois de superar os 1.300 espectadores na cita de xuño, o que supuxo todo un récord. O día 19 a actividade no Circuíto Municipal de Carballo comezará ás 12 horas cos adestramentos; a partir das 15.30 disputaranse as semifinais e ás 17 horas, as finais.